18 sept 2008

Aprobada la Ley de Incompatibilidades del Gobierno de Galicia. Ley 9/1996

A Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica establece, como principio de carácter xeral, a incompatibilidade de actividades e dedicación absoluta, coas excepcións previstas nela, co obxecto de garantir a independencia, imparcialidade e obxectividade dos cargos públicos no exercicio das funcións que lle foron encomendadas e que a súa actuación pública non poida verse mediatizada en ningún caso por actividades ou intereses diferentes aos correspondentes ao seu cargo.
Pola súa banda, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, incide tamén en destacar a importancia dos principios éticos e de conduta que considera implícitos nos deberes do persoal ao servizo das administracións públicas. Esta lei modifica a Lei 9/1996, do 18 de outubro, e dálle unha nova redacción aos artigos referidos ao ámbito de aplicación subxectiva, precisando os cargos públicos a que lles resulta de aplicación e a regulación do Rexistro de Actividades de Altos Cargos e do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia.
Os cambios introducidos son especialmente relevantes por afectar non só o propio ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e por conseguinte, a determinación dos suxeitos obrigados a formular as declaracións de actividades e de bens patrimoniais, senón tamén incide especialmente na configuración dos rexistros coa introdución de novidades tan salientables como a referida á publicidade do Rexistro de Actividades de Altos Cargos, do cal o contido das declaracións inscritas nel se publicarán no Diario Oficial de Galicia e estará dispoñible na internet, o que supón unha garantía da súa máxima transparencia, publicidade e difusión pública. Polo que se refire ao Rexistro de Bens Patrimoniais tamén se produciu un cambio significativo ao establecerse a obriga de dar anualmente conta do seu contido ao Parlamento, facendo unha remisión ao que estableza o Regulamento da Cámara para materializar esta obriga.
Neste novo contexto legal faise necesario actualizar e desenvolver a normativa reguladora da organización e o funcionamento destes rexistros e das declaracións que se inscribirán neles, ao cal expresamente habilita a disposición derradeira primeira da Lei 9/1996, do 18 de outubro, derrogando o Decreto 169/1995, do 16 de xuño, polo que se regulan os rexistros de altos cargos que foi ditado con anterioridade á Lei 9/1996, do 18 de outubro, e cuxos contidos normativos se atopan superados na actualidade.
En efecto, o dito decreto aprobouse nun marco normativo en que a publicidade dos rexistros estaba restrinxida e o acceso público a eles era moi restritiva. O cambio legal experimentado supón a necesidade de adaptar a organización e o funcionamento dos rexistros ás novas previsións legais e, así mesmo, desenvolver desde as premisas establecidas na Lei 9/1996, do 18 de outubro, o contido das declaracións de actividades e de bens patrimoniais conciliando que a publicidade do contido dos rexistros en que se inscriban as declaracións se faga sen afectación da seguridade persoal e intimidade do alto cargo. Neste sentido faise necesario establecer que na difusión pública do contido dos rexistros non figuren datos, como é o caso do domicilio persoal, que non se relacionan estritamente co control a través da transparencia administrativa do exercicio das funcións que lle poidan corresponder como cargo público.
Este decreto estrutúrase en catro capítulos. O primeiro dedicado a disposicións xerais, precisa, en primeiro termo, o seu obxecto, delimitando posteriormente o seu ámbito de aplicación. Na mesma liña establécese o criterio para determinar os cargos asimilados a persoal directivo de entidades de dereito público dependentes da Administración autonómica e do seu sector público empresarial suxeitos ás previsións do decreto. Neste capítulo tamén se crea a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, adscrita organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, determínase que será o órgano competente para a xestión do réxime de incompatibilidades de altos cargos e establécese a obriga de formular unha declaración previa por parte das persoas que vaian tomar posesión dun cargo incluído no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, con fin de que se manifesten sobre a falta de concorrencia de causa de incompatibilidade ou no caso de que desenvolvan algunha actividade susceptible de ser compatible se proceda a ter coñecemento dela por parte da dita oficina.
O capítulo segundo dedícase ao Rexistro de Actividades de Altos Cargos. Despois de regular o contido da declaración de actividades que se inscribirá nel e a publicidade do rexistro de conformidade co disposto na Lei 9/1996, do 18 de outubro (modificada neste extremo pola Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega), regúlase o contido da comunicación que, tras o seu cesamento, deberán efectuar os altos cargos con carácter previo ao inicio das actividades que vaian realizar con posterioridade ao cesamento, co fin de garantir a observancia das disposicións contidas na Lei 9/1996, do 18 de outubro.
O capítulo terceiro ocúpase do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos no cal se teñen que inscribir as declaracións de bens patrimoniais. Clarifícase o contido desta declaración incluíndo a necesidade de identificar os créditos, préstamos ou débedas que conforman o pasivo patrimonial da persoa declarante e os datos e circunstancias que será necesario especificar nelas, procurando que o coñecemento público das ditas declaracións non afecte a seguridade persoal ou intimidade das persoas declarantes. Tamén se especifica a forma de valoración do patrimonio que deberá figurar na declaración.
Finalmente, o capítulo cuarto refírese ás disposicións comúns a ambos os rexistros. Fíxase, en primeiro lugar, a obriga das consellerías, organismos autónomos, sociedades públicas e fundacións do sector público e entidades de dereito público dependentes da Administración autonómica de comunicar á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas os nomeamentos e cesamentos que efectúen e se correspondan con cargos públicos comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro. Tamén se dispón que as persoas titulares das secretarías xerais das consellerías colaborarán activamente na difusión das obrigas legais na materia de incompatibilidades de altos cargos. Esta colaboración constitúe un reforzo engadido ao labor da oficina e posibilita un mellor cumprimento das disposicións legais na materia. Ao longo deste capítulo faise referencia a aspectos tales como os prazos de declaración, os modelos (habilitando a súa posterior aprobación pola consellería competente de xestionar os rexistros), a remisión das declaracións posibilitando a súa cobertura por vía telemática ou o exame e corrección das declaracións. Así mesmo, debe resaltarse a previsión que se introduce sobre a cancelación de inscricións e a determinación da información que anualmente deberá remitirse ao Parlamento de Galicia.
Por isto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de setembro de dous mil oito,
DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
Este decreto ten por obxecto regular o Rexistro de Actividades de Altos Cargos e o Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia creados pola Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, así como dar cumprimento ao desenvolvemento das obrigas de declarar previstas na dita lei declaracións que se inscribirán nos ditos rexistros. Así mesmo, establécese o órgano competente para a xestión do réxime de incompatibilidades a través da creación da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.
1. Este decreto seralle de aplicación aos cargos públicos enumerados no artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro.
2. O persoal eventual a que se refiren as letras f) e i) do artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, quedará suxeito ás disposicións deste decreto sempre que as funcións que desempeñe sexan de carácter non permanente e expresamente cualificadas de confianza e asesoramento especial nos gabinetes da Presidencia e demais membros do Consello da Xunta de Galicia, ou das presidencias e direccións xerais das entidades relacionadas no artigo 1 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.
3. Para os efectos deste decreto, terán a consideración de cargos asimilados a que se refiren as letras g) e h) do artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, aqueles que exerzan funcións de dirección ou representación das entidades en que se integren.
Artigo 3º.-Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
1. Créase a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas adscrita organicamente á consellería que de acordo coa estrutura orgánica correspondente teña atribuídas as competencias en materia de incompatibilidades. É a unidade competente para a xestión do réxime de incompatibilidades que actuará con plena autonomía funcional e desenvolverá as funcións que nesta materia lle estean atribuídas á dirección xeral competente en materia de incompatibilidades.
2. A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas é a unidade encargada do mantemento e xestión dos rexistros sinalados no artigo primeiro e será responsable da custodia, seguridade e indemnidade dos datos e documentos que neles se conteñen. Así mesmo, será a encargada de requirirlles, a quen sexa nomeado ou cesado como alto cargo, o cumprimento das obrigas previstas neste decreto. O seu titular terá a condición de encargado ou encargada destes rexistros.
3. O persoal que preste servizos nos rexistros ten o deber permanente de manter en segredo os datos e informacións que coñeza por razón do seu traballo.
Artigo 4º.-Declaración previa.
1. Quen acceda a un cargo público comprendido no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, deberá subscribir, unha vez nomeado e con carácter previo á toma de posesión, unha declaración, que deberá remitirse á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, na cal se faga constar que coñece o contido do réxime de incompatibilidades establecido na Lei 9/1996, do 18 de outubro, e de que non incorre en ningunha de incompatibilidade.
2. No caso de que a persoa que acceda a un cargo público suxeito ás disposicións da Lei 9/1996, do 18 de outubro, desenvolva algunha actividade que esta lei declara como compatible, será preciso poñer de manifesto na declaración previa a natureza da actividade co fin da súa cualificación pola Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
Artigo 5º.-Informatización dos rexistros.
No Rexistro de Actividades e no Rexistro de Bens Patrimoniais instalarase un sistema informático de xestión específico para cada rexistro coas correspondentes medidas de seguridade no acceso e no uso dos datos neles contidos.
Capítulo II
Rexistro de Actividades de Altos Cargos
Artigo 6º.-Obxecto do Rexistro de Actividades de Altos Cargos.
O Rexistro de Actividades de Altos Cargos terá por obxecto a inscrición das declaracións de actividades a que se refire o artigo 8.1º.a) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e, de ser o caso, a anotación das responsabilidades declaradas a que se refire o número cinco do artigo 14 da dita lei.
Artigo 7º.-Contido da declaración de actividades.
Os cargos a que fai referencia o artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, teñen a obriga de declarar, no modelo establecido, as actividades que desenvolvan por si ou mediante substitución ou apoderamento e que se refiran a calquera operación, negocio, empresa ou sociedade pública ou privada que proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos ao cargo público ou nos que teña participación ou intereses.
Artigo 8º.-Publicidade do Rexistro de Actividades de Altos Cargos.
1. O Rexistro de Actividades de Altos Cargos ten carácter público rexéndose polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei 9/1996, do 18 de outubro, e nas correspondentes normas de desenvolvemento das devanditas leis.
2. O contido das declaracións inscritas no rexistro pertencentes ás persoas titulares daqueles postos cuxo nomeamento sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia publicarase no Diario Oficial de Galicia e estará dispoñible na internet no prazo máximo dun mes contado desde a cualificación da declaración de actividades no Rexistro de Actividades de Altos Cargos.
3. As persoas que desexen coñecer o contido das declaracións depositadas no Rexistro de Actividades poderán, logo da identificación da súa personalidade, solicitar certificación do seu contido á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
Esta solicitude, que será motivada, deberá reunir os requisitos establecidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e deberá indicar a denominación do cargo público respecto do cal se pretende tomar coñecemento da súa declaración de actividades. Esta solicitude presentarase en calquera dos rexistros ou oficinas enumerados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
4. Non serán admisibles as solicitudes xenéricas nin aquelas en que non se identifique o titular do cargo público do cal se solicita a certificación.
Artigo 9º.-Comunicacións tras o cesamento.
1. Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, os cargos comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, non poderán realizar actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os que xa ditasen resolución no exercicio do cargo nin asinar contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coas administracións públicas.
2. Os membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, cando cesen no seu exercicio, e durante os dous anos seguintes, dirixirán ao Rexistro de Actividades de Altos Cargos, con carácter previo á iniciación da actividade que vaian realizar, unha comunicación na cal consten, polo menos, os seguintes extremos:
a) Actividade pública ou privada que vaian desenvolver.
b) Manifestación de que se vai realizar por conta propia ou allea. Neste último suposto indicarase a denominación da empresa, ou entidade para a cal vaia traballar, indicando ademais o obxecto social desta.
3. Esta comunicación será depositada no Rexistro de Actividades de Altos Cargos, e, se da actividade que se vai desenvolver se desprendesen indicios de que fose contraria á Lei 9/1996, do 18 de outubro, informarase desta circunstancia a persoa declarante advertíndolle das consecuencias que puidesen derivar no caso de persistir na situación de incompatibilidade.
Capítulo III
Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos
Artigo 10º.-Obxecto do Rexistro de Bens Patrimoniais.
O Rexistro de Bens Patrimoniais ten por obxecto o depósito das declaracións de bens patrimoniais nas cales figuren a totalidade dos bens, dereitos e obrigas que integren o patrimonio do alto cargo, as declaracións de titularidade de participacións a que se refire o artigo 3.4º da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e da súa posterior transmisión, as copias dos contratos previstos no artigo 9 da mesma lei, as copias das declaracións tributarias correspondentes ao imposto sobre a renda das persoas físicas e ao imposto sobre o patrimonio cando tiver obriga de presentalas e, se for o caso, a anotación das responsabilidades declaradas a que se refire o artigo 14.5º da Lei 9/1996, do 18 de outubro.
Así mesmo, figurarán no rexistro as declaracións de patrimonio que, de ser o caso, presente o cónxuxe ou persoa vinculada por análoga relación e as relativas ao patrimonio dos fillos/as dependentes, nas condicións e termos establecidos no número cinco do artigo 11 deste decreto.
Artigo 11º.-Contido da declaración de bens patrimoniais.
1. A declaración de bens patrimoniais comprenderá, polo menos, os seguintes extremos:
a) Bens, dereitos e obriga patrimoniais de que sexan titulares.
b) Os valores ou activos financeiros negociables.
c) As participacións societarias onde deben incluír, de ser o caso, a información que garanta o cumprimento do artigo 3.4º da Lei 9/1996, do 18 de outubro.
d) O obxecto social das sociedades de calquera clase en que teñan interese.
e) Créditos, préstamos ou débedas que integren o pasivo.
2. A esta declaración deberá xuntarse copia das últimas declaracións tributarias do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre o patrimonio no caso de que a persoa declarante teña a obriga de presentalo ante a Administración tributaria.
Anualmente, durante o mes de xullo, os altos cargos deberán presentar ante a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas copia das declaracións tributarias referidas neste punto.
3. Igualmente, os altos cargos depositarán no Rexistro de Bens Patrimoniais para a súa anotación, copias dos contratos a que se refire o artigo 9 da Lei 9/1996, do 18 de outubro.
4. Co obxecto de salvagardar a privacidade e seguridade persoal dos cargos públicos, na declaración será necesario especificar unicamente os seguintes datos e circunstancias:
a) En canto aos bens inmobles, as súas características, provincia en que se atopen e valor catastral que teñan asignado, omitindo os datos referentes á súa localización.
b) Polo que respecta a vehículos e embarcacións especificarase a marca, modelo e valor. Este valor determinarase aplicando os prezos medios de venda aprobados polo Ministerio de Economía e Facenda aplicables na xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, imposto sobre sucesións e doazóns e do imposto sobre determinados medios de transporte.
c) A valoración dos bens restantes efectuarase aplicando o criterio de valoración do imposto sobre o patrimonio.
d) No suposto de bens e dereitos indivisos indicarase o valor que corresponda segundo a porcentaxe de participación da persoa declarante no ben ou dereito correspondente.
5. A esta declaración poderán achegar a relativa ao patrimonio do seu cónxuxe ou persoa vinculada por análoga relación, logo do consentimento por escrito deles, e ao patrimonio dos fillos/as dependentes.
Artigo 12º.-Carácter reservado do Rexistro de Bens Patrimoniais.
1. O Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos ten carácter reservado sen prexuízo de dar conta do seu contido ao Parlamento de Galicia, de acordo co que se estableza no Regulamento da Cámara.
2. Poderán ter acceso a el as institucións e órganos que enumera o artigo 10.3º da Lei 9/1996, do 18 de outubro, nos termos que nel se indican, e despois da presentación da solicitude en que se especifique o alto cargo de cuxos datos se queira ter constancia.
3. Non serán obxecto da publicidade prevista nos parágrafos anteriores as copias da última declaración tributaria correspondente ao imposto sobre a renda das persoas físicas e, se é o caso, do imposto sobre o patrimonio, recollidas no artigo 8.1º.b) da Lei 9/1996, do 18 de outubro.
Artigo 13º.-Transmisión de participacións.
1. No suposto de que unha persoa fose nomeada para ocupar un cargo público a que se refire o artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e posuíse, por si ou xunto co seu cónxuxe, persoa unida por análoga relación, fillos/as dependentes e persoas tuteladas, participacións superiores ao 10 por cento en empresas que teñan concertos ou contratos de calquera natureza co sector público estatal, autonómico ou local, terá que desprenderse delas no prazo dun mes contado desde o seu nomeamento.
2. Cando a persoa que ocupe un cargo público dos comprendidos no artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, adquira durante o exercicio do cargo, por sucesión hereditaria, a participación a que se refire o parágrafo anterior, terá que desprenderse dela no prazo de tres meses desde a súa adquisición.
3. Durante os prazos a que se refiren os puntos anteriores declararanse no Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos, nos modelos establecidos, estas participacións indicando, polo menos, os seguintes datos:
a) Nome, obxecto social e denominación da empresa en que participe.
b) Porcentaxe de participación do alto cargo e, se for o caso, do cónxuxe, dos fillos/as dependentes e persoas tuteladas.
c) Identificación dos concertos ou contratos, de calquera natureza, que a empresa teña co sector público estatal, autonómico ou local.
d) Data de transmisión da participación propia e das persoas mencionadas no punto 1 deste artigo e natureza dela, á cal deberá xuntarse copia cotexada da documentación acreditativa da transmisión efectiva.
Capítulo IV
Disposicións comúns a ambos os rexistros
Artigo 14º.-Comunicacións á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
As persoas titulares das secretarías xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, da Vicepresidencia e das consellerías, organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público e demais entidades de dereito público dependentes da Administración autonómica deberanlle comunicar á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, no prazo dun mes desde que se producen, os nomeamentos e os cesamentos sempre que se correspondan con cargos públicos relacionados no artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e suxeitos ás disposicións deste decreto.
Artigo 15º.-Información sobre as obrigas de declaración.
1. Cando a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas teña coñecemento da toma de posesión ou cesamento de cargos públicos comprendidos no artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, ben sexa pola súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou ben polas comunicacións a que se refire o artigo anterior, procederá a informarlos das obrigas establecidas na dita lei e, particularmente, respecto da obriga de formular as declaracións de actividades e de bens patrimoniais.
2. Así mesmo, informarase que o uso e rexistro do contido destas declaracións rexerase polo disposto nas leis 9/1996, do 18 de outubro, e 30/1992, do 26 de novembro, así como polo establecido na normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal.
3. As persoas titulares das secretarías xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, da Vicepresidencia e das consellerías divulgarán as obrigas derivadas da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e do establecido neste decreto aos cargos públicos dependentes delas, e que figuran comprendidos no ámbito de aplicación desta lei, e velarán polo seu cumprimento.
Artigo 16º.-Prazo para declarar.
1. As declaracións de actividades e de bens patrimoniais presentaranse na Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión e de cesamento. Se se produce modificación das circunstancias de feito, deberán presentar o correspondente modelo ante esta oficina no prazo de tres meses desde a data en que se produza a modificación. Considerarase modificación das circunstancias de feito calquera alteración na situación patrimonial das persoas declarantes pola adquisición ou transmisión de bens ou dereitos e calquera alteración nas actividades ou causas de posible incompatibilidade.
2. Transcorrido este prazo sen que por parte do cargo público se presentasen as correspondentes declaracións, procederase, por parte do responsable da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, a requirilo para que as presente nun prazo de dez días, sen que a omisión dese requirimento poida eximir en ningún caso do cumprimento das obrigas legais por parte da persoa interesada.
Artigo 17º.-Modelos de declaracións.
As declaracións de actividades e de bens patrimoniais cubriranse nos modelos aprobados pola consellería competente en materia de incompatibilidades de altos cargos.
Artigo 18º.-Rexistro de entrada das declaracións.
1. Co fin de garantir a confidencialidade das declaracións así como a súa integridade, os cargos públicos comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, remitirán as súas declaracións en sobres pechados.
2. O acceso polo alto cargo aos rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia tamén se poderá facer, logo de solicitude, a través de comunicacións telemáticas aos ficheiros automatizados dos rexistros garantindo a confidencialidade dos datos e quedando constancia deste acceso.
Artigo 19º.-Exame eemenda das declaracións.
1. Os cargos públicos a que se refire o artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, serán responsables da veracidade e actualidade dos datos que cubran nas súas declaracións.
2. Se se apreciasen deficiencias formais nas declaracións, desde a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas requirirase a persoa interesada para que nun prazo dun mes proceda á súa emenda.
3. Terán a consideración de deficiencias formais as seguintes:
a) Omisión de calquera dos datos identificativos da persoa declarante.
b) Imprecisións, erros materiais ou confusións nas declaracións.
c) Existencia nas declaracións de palabras borradas ou emendadas que non estivesen corrixidas pola persoa declarante coa súa sinatura.
d) Falta de sinatura da persoa interesada.
4. Transcorrido o prazo a que se refire o número dous sen recibir contestación, terase por non presentada a declaración ou, no caso de que desta se poida deducir a existencia de infraccións, realizaranse no seu caso as actuacións que procedan, de acordo co disposto na Lei 9/1996, do 18 de outubro.
Artigo 20º.-Cancelación de inscricións.
1.-As inscricións nos rexistros de actividades e bens patrimoniais de altos cargos extínguense pola súa cancelación.
2.-A cancelación terá lugar unha vez transcorrido o prazo de dous anos posterior ao cesamento do cargo público comprendido no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro.
Artigo 21º.-Información ao Parlamento de Galicia.
A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas elevará anualmente ao Consello da Xunta de Galicia para a súa remisión ao Parlamento, un informe do cumprimento polos altos cargos das obrigas de declarar, así como das infraccións cometidas e das sancións impostas, e dará conta dos seguintes extremos:
a) Número de cargos públicos obrigados a formular declaracións nos rexistros.
b) Número de declaracións de actividades de altos cargos recibidas no rexistro.
c) Número de declaracións de bens patrimoniais de altos cargos recibidas no rexistro.
d) Número de altos cargos que incumprisen as obrigas de declarar.
e) Número de procedementos sancionadores incoados e das sancións impostas.
Disposicións adicionais
Única.-O Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza queda modificado nos seguintes termos:
Un.-Modifícase o artigo 12 e engádese un novo número coa seguinte redacción:
«Artigo12º.-Estrutura.
Para o exercicio das súas funcións e competencias, a Dirección Xeral da Función Pública contará coas seguintes unidades:
1. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.
2. Subdirección Xeral de Xestión, Programación e Ordenación de Persoal.
3. Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal.
4. Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
5. Servizo de Actualización de Datos do Persoal.
Dous.-Suprímense a letra e) do número 1 e a letra f) do número 2.1 do artigo 13 do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza relativo ás funcións e estrutura da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.
Tres.-Suprímense as letras f) e g) do número 1 e a letra g) do número 2.2 do artigo 14 do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza relativo ás funcións e estrutura da Subdirección Xeral de Xestión, Programación e Ordenación do Persoal.
Catro.-Introdúcese un novo artigo 14 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 14 bis.-Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas.
A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas con rango de subdirección xeral terá encomendada a realización das seguintes funcións:
a) A xestión do réxime de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos altos cargos da Administración autonómica sometidos á Lei 9/1996, do 18 de outubro.
b) O mantemento e xestión dos rexistros de bens patrimoniais e de actividades e intereses de altos cargos da Xunta de Galicia e será responsable da custodia, seguridade e indemnidade dos datos e documentos que neles se conteñen.
c) A cualificación da declaración de actividades e a declaración de bens patrimoniais dos altos cargos da Administración autonómica.
d) A vixilancia do cumprimento das obrigas derivadas da aplicación do artigo 16 do Decreto 205/2008, do 4 de setembro, polo que se regulan os rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia. Corresponde á oficina requirirlle a quen sexa nomeado ou cesado como alto cargo o cumprimento das obrigas previstas neste decreto.
e) Elaborar anualmente un informe detallado do cumprimento polos altos cargos das obrigas de declarar, así como das infraccións cometidas e das sancións impostas. Este informe será enviado ao Consello da Xunta para a súa remisión ao Parlamento.
f) O mantemento e xestión do rexistro de persoal eventual regulado no artigo 7.3º, parágrafo segundo, do texto refundido da Lei da función pública de Galicia.
g) O estudo e preparación de anteproxectos normativos, así como a tramitación, preparación de propostas de resolución e o asesoramento e a emisión de informes en materia de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) As demais funcións que, incluídas no ámbito respectivo, lle sexan asignadas.
Disposición transitoria
Única.-Unha vez publicados os modelos de declaracións, os cargos públicos que xa as tiveran cubertas conforme os modelos vixentes anteriormente, disporán dun prazo de tres meses para formular as novas declaracións de acordo co previsto neste decreto e as disposicións que se diten no seu desenvolvemento.
Disposición derrogatoria
Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en concreto, o Decreto 169/1995, do 16 de xuño, polo que se regulan os rexistros de altos cargos da Xunta de Galicia.
Disposicións finais
Primeira.-Autorízase o titular da consellería competente en materia de incompatibilidades de altos cargos para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas de desenvolvemento deste decreto, así como para a confección dos modelos de declaracións.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catro de setembro de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

No hay comentarios: