20 oct 2009

Comisiones Obreras denuncia situación límite del personal por impago salarios Galeserga

Comisións Obreiras denuncia a «situación límite» do persoal da empresa de limpeza Galeserga

Segundo a Federación de Actividades Diversas, a empresa alega que non poden ingresar as nóminas das traballadoras e traballadores porque os seus clientes deixaron de pagar

20-10-2009
.- Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a «situación límite» do persoal da empresa Galeserga, dedicada a control de accesos, limpeza e servizos auxiliares. A maior parte das traballadoras e traballadores de control de accesos e axuliares non cobraron aínda as nóminas de agosto e setembro, así como as horas extraordinarias realizadas desde xaneiro. Pola súa parte, o persoal dedicado á limpeza non cobrou o mes de setembro —tampouco os da nova empresa Heras— como tampouco os atrasos do convenio correspondentes a 2008.

A Federación de Actividades Diversas púxose en contacto coa empresa, que alegou que os seus clientes non están a pagar as facturas, polo que non lles é posible ingresar as nóminas do persoal. Porén, CCOO asegura que «a maioría dos cliente si están aboando as facturas», como a multinacional TRW —antiga Dalphy Metal—, pero ese diñeiro estaría sendo embargado por Facenda, segundo a información que puido recabar o sindicato. A maioría dos clientes de Galeserga están na provincia de Pontevedra, empresas como Termavi, Termicar, Maderas Iglesias, Dayco ou Koala.

Para Comisións, a situación é un exemplo máis de que a crise a están a pagar os máis débiles, as traballadoras e os traballadores, e acusan o presidente de Galeserga dunha «pésima xestión» e de ignorar repetidamente a representación sindical.

Por este motivo, a Federación de Actividades diversas contactou co persoal para facerlles saber que debido á situación actual e á actitude da empresa, «a única vía posible para poderen cobrar o que se lles debe é exercendo os dereitos laborais ante a autoridade competente».





Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2009

Gabinete de Comunicación
Horario: luns a venres, 9-14h e 17-20h
686 469 993 / 981 551 867 | xuz
[arroba]galicia.ccoo.es
Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es