3 ene 2008



VIGO TEN, ANTE SÍ, O RETO DE DESENVOLVER A SÚA PROPIA ESTRATEXIA DE SOSTENIBILIDADE

Nelly Pérez Giráldez
Presidente do Grupo de Ecoloxía Científica de Galicia

GECMA quere facer un recoñecemento implícito ás orixes do ecoloxismo así como aos grupos e persoas que abriron unha nova vía para a reconciliación do home coa natureza. Así pretendemos abandeirar este tema de gran sensibilidade cidadá e de vital importancia para a vida no planeta, fomentando a concienciación que nos axude a realizar un desenvolvemento sostible da cidade. Queremos ser solidarios a nivel global e para iso abriremos canles e mecanismos de participación social eficaz, contando con todos, para que os nosos estudios e acción política, realizados interdisciplinariamente, actúen horizontalmente porque sabemos que o desenvolvemento sostible afecta interadministrativamente ás distintas concellalías e administracións. A administración e a fiscalía non poden permanecer inactivas e, ante o cada vez maior grado de protección medioambiental que demanda a sociedade viguesa, veñen obrigadas a dar unha resposta eficaz e adecuada. No caso da administración, que coordine a acción pública orientada á prevención e control da contaminación, á eficiencia dos mecanismos de xestión e ao fomento da participación cidadá.

O noso plantexamento, o do Grupo de Ecoloxía Científica de Galicia “GECMA”, entronca coa definición que se fai de desenvolvemento sostible dende unha perspectiva global-local (glocal). A través desta visión integrada pretendemos que o Concello de Vigo lidere o proceso de sostibilidade. Para elo ha comprometerse o traballo de toda a organización municipal no desenvolvemento da sostibilidade dende os marcos de xestión e técnicos, e de democracia participativa que aparecen na Campaña Europea de Cidades Sostibles e nos compromisos da Carta de Aalborg e o modelo de xestión socioambiental das Axendas 21.

O Concello de Vigo, como cidade e entorno social e ambiental máis grande de Galicia e eixo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, non pode deixar pasar o reto de desenvolver a súa propia estratexia de sostibilidade, con base na Axenda 21 Local, para que deste xeito poda conxugar o crecemento económico, social e político non só para os nosos fillos, senón tamén para os nosos netos.

Hoxe en día está plenamente asumido que un modelo de crecemento desenvolvista e incontrolado non é viable no tempo. Pola contra, o desenvolvemento ten que ser compatible coa protección e promoción do medio ambiente, definindo un modelo de desenvolvemento caracterizado pola sostibilidade.

Calquer proxecto debe permitir atender ás necesidades do presente sen poñer en perigo a capacidade das xeracións futuras para resolver os seus problemas. Por outra banda unha adecuada integración da política medio ambiental na acción política global, permite definir modelos de desenvolvemento a nivel local, integrando patrimonio histórico e natural.

Os membros do GECMA aspiramos a unha sociedade con maiores niveis de benestar, maior cohesión social e maior sostibilidade. Para conseguilo, apostamos por un modelo de crecemento económico equilibrado e duradeiro.

En GECMA temos unha visión integradora da relación do home co seu contorno. Creemos nas políticas de conservación de recursos e de eficacia enerxética orientadas a buscar o desenvolvemento sostible, sen poñer en perigo a renovación dos recursos.


O GECMA é consciente de que as condicións ambientais da cidade afectan e afectarán directamente á saúde e calidade de vida dos cidadáns. Ordenación do tráfico, recollida de residuos, abastecemento de auga, prevención e extinción de incendios, saúde pública,... son competencias municipais que esixen de actividade normativa dos Concellos cun obxectivo claro que guíe as súas actuacións: a sostibilidade. Aí o noso compromiso firme para abordar o medio ambiente de forma integral, coa participación cidadá, e pedimos que desde a Xunta e o Concello, contando con todos, combatamos a contaminación do auga, chan, aire, ruído, degradación de zonas verdes, inseguridade alimentaria e vial, prevención de incendios, despilfarro de auga e enerxía, etc. Conscientes da necesidade de que os cidadáns sexan axentes impulsores do cambio na xestión de residuos, o GECMA comprométese a fomentar campañas de divulgación e concienciación, e participar consolidando a responsabilidade compartida da xestión entre cidadáns, administracións e os distintos sectores económicos implicados.

O GECMA ten a vontade firme de axudar a liderar o protagonismo de sensibilización dunha cidadanía comprometida e participativa co desenvolvemento sostible da nosa cidade e propón a actuación decidida da administración local, así como propiciar un gran debate que conte coa participación de todos os axentes sociais e institucionais.

O GECMA , consciente do ámbito xeográfico da cidade e da importancia da súa Ría propón a protección do seu ecosistema e un convenio cá Consellería de Medio Ambiente da Xunta e có Ministerio de Medio Ambiente que sirva para a recuperación e xestión integral do vaso marítimo que conforma a ría de Vigo. Este Convenio, acompañado por un Plan Especial de Protección da Ría, haberá de abrirse aos demais Concellos abeirados. Consideramos a protección e recuperación medioambiental da ría de carácter estratéxico pola súa importancia económica e social e por representar un sinal de identidade da cidade.

Os maiores contaminantes da Ría proveñen dos vertidos dos asentamentos residenciais e industriais dos pobos ribeiregos e especialmente do Río Lagares, debido ás deficiencias observadas no PSIV e na súa EDAR, creando enfermidades hídricas, problemas sanitarios nas praias, deterioro da riqueza biolóxica, malos cheiros, sensación de cloaca nalgunhas partes e alteamento da Xunqueira - debido ás soltas de lodos - que, unido á reducción das súas ladeiras impermeabilizadas polo proceso urbanizador (rúas, beirarrúas, edificios ou casas, ...), minora a súa función de absorber os excesos das escorrentías fluviais de ambas vertentes do río nas grandes avenidas, coas conseguintes inundacións nas diversas partes da cidade. Factor importante no mal funcionamento da EDAR é a mestura de vertidos industriais, fluviais e fecais que sobredimensionan a cantidade de líquidos a depurar e producen a morte das cepas de bacterias aeróbicas e anaeróbicas encargadas de eliminar os residuos orgánicos en suspensión nas augas fecais, convertendo a depuradora nun almacenamento de augas sucias, fétidas, altamente contaminantes e aos lodos das decantadoras en inservibles para a súa utilización, polo que ao evacuarse directamente ao estuario producen a morte fulminante de todo o ecosistema, ata chegar a exterminar lapas e mexillóns nas rocas existentes na praia de Foz, estendéndose a mancha en toda a fronte da praia de Samil, tapizando os seus fondos areosos cunha grosa capa de lodo.

Outro dos problemas que afecta á turbiedade das augas deste precioso vaso, coa conseguinte disminución da riqueza planctónica, base da pirámide acuícola, é o cultivo do mexillón (bateas), cuxas deposicións masivas teñen unha notoria incidencia negativa na calidade e transparencia das augas. Por iso o GECMA propón a absorción periódica das deposicións, para a súa transformación en abono.

En repetidas ocasións publicamos as medidas necesarias para unha mellor calidade de vida e para un desenvolvemento sostible do noso ámbito xeográfico, por iso estamos en disposición de sentarnos cós técnicos, representantes sociais e económicos e cós responsables políticos para discutir os temas de vital importancia que teñen os cidadáns e a cidade.

No hay comentarios: